O alumnado do curso de Vitivinicultura realiza a vendimia das viñas da Escola
30 de Setembro de 2020
Luis Caramés participará na apertura das actividades “Construíndo Futuro” da Universidade mexicana de Michoacana
20 de Outubro de 2020

A ausencia non significa escuridade

A Fundación Belarmino Fernández Iglesias, que comeza agora unha segunda etapa, posúe un espírito que deriva directamente da personalidade do fundador. Radicada na súa terra natal e con visión universal, Galicia na retina e América Latina como referencia permanente.

Anos atrás, máis de 20, coñecín a Belarmino nun dos seus restaurantes, o da Rú Alameda Santos de Sao Paulo, con ocasión dunha visita académica á Fundación Armando Álvares Penteado. Quen o acompañaban eran persoas vencelladas á literatura e á diplomacia e alí souben das súas inquedanzas por axudar ao mundo cultural, un de cuxos exemplos é o Colexio Miguel de Cervantes, verdadeiro proxecto pedagóxico de integración multicultural, do que foi fundador e no que hoxe sucedeuno o seu fillo Belarmino como membro do Padroado.

De intelixencia contrastada e intuición sobresaínte, o fundador estivo sempre na vangarda do seu oficio e, neste sentido, adquiriu unha facenda en Mato Grosso do Sur, que abrangue 100 quilómetros de perímetro e 36 de ríos navegables. Alí iniciou a cría da raza brangus, híbrida de angus e cebú, mestizaxe moi adaptado ao clima de Brasil. E, como marca da casa -inquedanza pola formación de quen carecían de oportunidades-, abriu a primeira escola radicada nunha “fazenda”, motivación que sempre conviviu coa de apoiar aos seus referentes galegos, no en balde presidiu ata o seu falecemento a Sociedade Benéfica Rosalía de Castro, de Sao Paulo.

Iniciada unha amizade que durou ata a súa morte, tiven a oportunidade de dirixir encontros académicos, tanto en Brasil como en Galicia, sobre temática económica e social. Especialistas de universidades americanas e europeas, así como expertos de outras institucións, participaron en xornadas e seminarios, dando lugar tamén a varias publicacións. O mesmo Belarmino inaugurou ou clausurou algúns deses eventos, sendo testemuña de como a milagre se producira: aquela xente que viña, en boa parte, de cidades e motrópoles, conseguira chegar a Rosende (Sober), moi lonxe dos eixos do dinamismo económico e urbano, respondendo a súa convocatoria.

“Figura de proa da gastronomía nacional”, en expresión feliz da revista “Veja”, a mesma que recoñeceu que levantara un imperio da nada, Belarmino quixo que en Rosende existise un centro para ensinar aquelo que el tivo que aprender como autodidacta. E aínda hoxe en Galicia existe unha oferta formativa excelente nese campo, a Escola de Hostalaría anexa ao Pazo de Rivas consolidouse como unha marca de calidade, tanto na demanda de formación como na oferta de postos de traballo para as súas egresadas e egresados.

A Fundación, radicada nunha contorna natural privilexiada, retoma con ánimos renovados as súas actividades xenuínas, a pesar das circunstancias marcadas pola pandemia. Con espírito de servizo e impregnada de sentido humanístico na súa acción social, intentará interpretar a vontade do fundador, lembrando o que un día lin no reverso dunha das medallas que Belarmino recibira pola súa traxectoira: “Cheiro a terra ausente, a perfume de luz”, palabras de Unamuno. Pero a ausencia non significa escuridade, como se comproba na benefactora iniciativa dun galego de ben.

LUIS CARAMÉS VIÉITEZ
PRESIDENTE